Festa do Mar en Combarro- Do 24 ao 27 de agosto

miércoles 23 de agosto del 2023

O Concello de Poio recupera a filosofía coa que naceu a Festa do Mar de Combarro, que se celebra entre o 24 e o 27 de agosto e dará maior protagonismo a todo o que ten que ver co mar e coas súas xentes e tradicións. O alcalde Ángel Moldes explicou esta mañá durante a presentación da programación que quere que “o mar teña máis representación que o título da festa, queremos enchela de contido e que se respire un auténtico ambiente mariñeiro”.

 

 

 

Así, entre o xoves 24 e o domingo 27, a programación estrutúrase en tres eixes na Praza da Chousa. A gastronómica, cunha carpa mariñeira na que o sábado e domingo poderanse degustar produtos do mar nas food trucks da Consellería do Mar e con actuacións musicais durante a sesión vermú. Este ano, como novidade, os produtos do mar consumiranse directamente nos restaurantes e tabernas colaboradores.

 

O segundo eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa. E o terceiro, centrarase na carpa museo, con varias exposicións, entre as que se inclúen unha mostra sobre pesca e embarcacións tradicionais en colaboración coa Xunta de Galicia e o Museo do Mar de Galicia; outra sobre a vinculación de Poio coa pesca de bacallau; a mostra Mulleres Bateeiras, en colaboración con Opmega e Amecomra; unha exposición fotográfica cedida polo Ateneo Corredoira de Combarro e outra con maquetas de barcos cedidas por un veciño do municipio, Paco “o de Arís”.

 

Nesta liña, Moldes destacou que esta é a Festa do Mar máis participativa das últimas edicións, xa que colaboran numerosos colectivos e veciños locais. Con todo, di que aspiran a que cada ano se involucren máis colectivos.

 

O alcalde agradeceu o traballo dos concelleiros de Cultura e de Festexos “porque en tempo récord completaron unha programación atractiva e moi completa”, así como á Xunta de Galicia, “porque sen a súa colaboración, sería moi complicado ofrecer unha festa á altura dos veciños e visitantes sen comprometer aínda máis as contas municipais” e a Javier da Costa, veciño de Combarro e autor do cartel desta edición da festa, así como ao resto de colectivos, hostaleiros e veciños que colaboran.

 

A festa tamén contará con actuacións musicais. Ademais das actuacións o venres dos Paiasos da Tele e do Tributo a Michael Jackson, que son as dúas que deixou contratadas e con partida o anterior Goberno, tamén se inclúen novas propostas para todos os públicos o resto de días. O xoves actuarán o Circo Chosco e a orquestra Kubo, que ten o escenario máis grande de Europa; o sábado o espectáculo infantil correrá a cargo de Marta Sempre Arriba, mentres que pola noite ás 22.30 horas actuarán Os Carunchos e tras os fogos de artificios, “que este ano se recuperan a petición dos veciños, pero cun espectáculo de fotos e luces moi modesto”, segundo explicou Moldes, será o concerto de Roi Casal. Por último, o domingo será a quenda da música tradicional coa agrupación folcórica Vides Novas, da Mostra da Canción Mariñeira e rematará coa actuación da orquestra América.

 

Quizás te pueda interesar…